Actualmente a EOI de Vigo ten concedidos 3 proxectos do programa Erasmus+
Trátase dun proxecto de intercambio de boas prácticas con profesorado dos centros Fundacja Addenda (Cracovia) e Unione italiana di educazione degli adulti (Roma)
A temática do intercambio é o fomento da motivación do alumnado adulto de cara a potenciar a aprendizaxe permanente e reducir o abandono ás aulas. A institución polaca aborda a motivación dende a perspectiva da lingüística cognitiva, a través da metáfora, a institución italiana traballa dende a perspectiva de aprendizaxe baseada na narrativa autobiográfica, e a EOI de Vigo céntrase nas metodoloxías de aprendizaxe baseadas nos métodos interactivos de guións e narracións (Storytelling).
O resultado das experiencias compartidas constituirá o contido dun Manual sobre Estratexias innovadoras en torno á motivación e ao alumnado adulto.
Podes acceder aquí á ficha do proxecto publicada na plataforma de resultados de proxectos Erasmus + (E+PRP)
KA104 Mobilidade de persoal de Educación de Persoas Adultas
“Retos para a EOI: Ensino 3.0 e Inclusión na aula” (2018-2020)
Este proxecto ten como obxectivo atender as nosas necesidades de formación e actualización metodolóxica a través das tecnoloxías para a aprendizaxe e o coñecemento (TAC) así como das Tecnoloxías do Empoderamento e Participación (TEP), co obxectivo de garantir unha ensinanza que, ademais das competencias lingüísticas, atenda á diversidade nas aulas e fomente a inclusión. Foron concedidas 8 mobilidades para que o persoal docente asista a cursos de formación que xiran entorno a 3 eixos temáticos: Integración das TAC e TEP no proceso de ensino-aprendizaxe, mellora das estratexias metodolóxicas e mellora da atención á diversidade, explorando aspectos como a ensinanza semipresencial, a aprendizaxe baseada en proxectos, a aula inclusiva, a alfabetización dixital ou a educación non formal e informal.
Para máis información podes acceder aquí á ficha do proxecto publicada na plataforma de resultados de proxectos Erasmus + (E+PRP)
KA104 Mobilidade de persoal de Educación de Persoas Adultas
Cultura e ensino creativo de linguas: cara a un enfoque humanístico da EOI (2019-2021)
Podes acceder aquí á ficha do proxecto publicada na plataforma de resultados de proxectos Erasmus + (E+PRP)
Este proxecto ten como obxectivo responder ás necesidades de formación do noso claustro para afrontar o reto que supón enfocar a ensinanza de linguas dende unha perspectiva humanística e holística, que teña en conta á persoa na súa globalidade, que fomente a autoestima e a valoración positiva dos seus talentos. As mobilidades de formación están orientadas á aplicación dunha pedagoxía creativa centrada no alumno, que contribúa a crear unha atmosfera creativa e colaboradora e motivadora. Queremos enriquecer a práctica docente, centrada na ensinanza por tarefas e na educación permanente, potenciando a aprendizaxe colaborativa e o traballo por proxectos, e dotándoa dun enfoque intercultural que contribúa á creación dun novo perfil de alumnado máis motivado, comprometido coa identidade europea e capaz de aplicar as estratexias lingüísticas adquiridas en contextos que contribúan ao seu desenvolvemento persoal, profesional e académico.